Pasara a penas un ano desde que nos incorporamos á vida viguesa, cando se produciu a anexión ó de Vigo do Concello de Lavadores. O Calvario convirtírase así nun barrio máis da cidade. Era daquela o límite entre un e outro Concello. Fóra, ó parecer, unha das entidades da parroquias de Cabral, e no momento de se integrar no escenario da urbe, pertencía á de Santa Cristina de Lavadores. O seu desenvolvemento comezou na etapa en que se construíu a estrada de Vigo-Villacastín. Unha estrada que, partindo da Porta do Sol chegaba deica o alto de Puxeiros.
Ruabamos ás veces polo barrio, precurando as súas raíces campesiñas. Porque outrora tiña sido unha terra agraria na que a presenza humana foi testemuñando nela co decorrer do tempo. O camiño xuntara a tódalas xentes que vivían nos seus arredores. Os campos, os cultivos, as pradeiras, os arboredos, acompañaban ó camiño. Nalgunha ocasión ollamos desde alí como os montes se afundían na meia luz do solpor. Os lugares que na tarde se descobrían á nosa mirada amosábannos o desenrolo de núcleos campesiños ó tipo de cintura da cidade. Fixérano con admirable aproveitamento das formas de terreo no val do Fragoso.
Imaxinabamos a primeira existencia da poboación do barrio. Os ouvidos das xentes que o habitaban aínda non se abriran ós bruídos das máquinas e dos aparellos mecánicos. Aínda non desaparecera a sinxeleza do mundo rural. Tampouco a enerxía silandeira que de a pouco se ía esgotar. Imaxinabamos tamén as laborías da campía, que precederan á conversión urbanizadora, e o decorrer do tempo nas catro estacións. As treboadas do inverno, os días de colleita de frutos e grans. A forza renacente da primavera, o acougado morrer do outono. Con frecuencia, a néboa estendía a súa escuridade polos campos.
Non chegamos a coñecer os momentos da instauración do tranvía, que constituíu un dos elementos fundamentais de transformación do Calvario. Si conservamos memoria das xentes que os utilizaban. Eran principalmente obreiros que se desprazaban ós traballos, e mulleres que levaban produtos para os vender na praza. Porque o barrio caracterizábase por ser metade obreiro, metade agrario. Lembramos que había aínda fielatos para controlar as mercadorías que entraban na cidade. Un dos máis importantes estaba instalado no cruce dos Choróns. Os fielatos eran casetas cadradas, unhas pequenas, outras máis grandes. Tiñan casilleiros para controlar á xente que pasaba a pé, e para a que viaxaba en tranvía. A súa función consistía en impor unha tarifa especial para bultos e cargas.
Os camiños que outrora sulcaban O Calvario fóronse trocando en rúas. As fincas, con hortas e frutais, que os limitaban, parceláronse, e nelas erguéronse casas. Sobreviven na nosa memoria algunhas das que protagonizaron o cambio. O mercado da rúa do Cristo atopábase establecido nunha delas formada por unha gran carballeira. A apertura de novas rúas, a parcelación, creación de novos solares, atraeu a moita poboación, especialmente obreira.
Dexergamos como en anos sucesivos ía medrando o escenario urbano do barrio. Como xurdían a Avenida da Doblada, de Ronda, de Xeraro de la Fuente. Xa alá polo 1960 observamos a zona de O Calvario cobrando novos pulos. Estaban a se rematar as correspondentes á de Urzaiz. O vello barrio ía gañando en humanización e mellora ambiental. No entanto, dabámonos a pensar no Vigo que pontenciaba cos barrios o seu crecemento. Xa a finais do XIX e comezos do XX convirtírase en cidade industrial moderna. Ou seña, nun gran mercado de traballo. Pero faltáballe moito camiño que andar.
Viña á nosa mente a chegada dunha gran poboación que contribuíu a transformar a súa trama urbana. Diversos núcleos do extrarradio, alonxados do marco da cidade, de carácter suburbial, alonxaban a esta poboación. A riqueza e situación xeográfica, foron determinantes da conversión da cidade en centro de atraemento da zona periférica. En primeiro lugar, o Concello de Bouzas. Máis tarde, este de Lavadores e Teis. En fase posterior, a zona periférica comarcal.
Nos días inaugurais da nosa andadura polo barrio do que estamos a falar, xa contaba cun intenso movemento urbanizador. Pero non perdera de todo a presenza dos seus antecedentes rurais. Aínda o vento podia mover as copas das arbores. Aínda podía peitear a fluvial cabeleira dun desmaio. Ou abanear un algo o palporizamento crepitante dalgún eucalipto. Sorprendíanos como ía sobrepóndose a construción á terra cultivada, como os vellos camiños se trocaran en modernas rúas. Saíamos ás veces polos arredores, nos que se mantiñan aínda mostras vivas da paisaxe. Tamén a luz, que sempre nos pareceu especial na entardecida, coa leda noticia das súas cambiantes.
Conservamos na memoria aqueles momentos de crecemento aínda en marcha do barrio. O proceso de recheo de espazos baleiros. A sustitución de casas rurais no eixo Vigo-Calvario. A soldadura da importante zona periférica co centro. En realidade, o significativo aporte de Lavadores forneceu ó vitalismo da cidade. Non só no referente, o significativo aporte que Lavadores forneceu ó vitalismo da cidade. Non só no referente á ampliación de superficie municipal, senón de incremento do volume demográfico.
Francisco Fernández del Riego
Vigo Sentimental
lunes, 28 de marzo de 2011
Suscribirse a:
Entradas (Atom)